Presentación do RETO 2026. #obxectivo27defebreiro.

Un ano máis o Club de Convivencia do Valle-Inclán busca mellorar “o mundo” dándolle protagonismo ao seu alumnado buscando a súa participación e concienciándolles de diferentes problemáticas a nivel global. Todo elo dende un enfoque de aprendizaxe por servizo e buscando unha figura relevante relacionada co reto así como unha efeméride que dá lugar á data tope para conseguir o obxectivo proposto e que nomeamos co #obxectivo...

  • Arrancamos no 2019/20 con Sadako Sasaki e as 1000 grúas pola paz que conseguimos mandar a Hiroshima. #obxectivo30dexaneiro.
  • No 2020/21 fomos comoWangari Maathai e conseguimos coidar máis de 1000 árbores para plantar e crear un “Cinto verde” da man da Mancomunidade de Montes de Vigo. #obxectivo5dexuño.
  • No 2021/22 traballamos para mellorar o mundo dos animais como David Attenborough, e doamos máis de 1000 kg para dúas protectoras de animais (Proxecto Gato e Os Biosbardos). #obxectivo5dexuño.
  • O 2022/23 foi o ano de Judith Scott e as 1000 esculturas pola diversidade e a inclusión, conseguindo cartos para financiar bolsas para nenas e nenos con necesidades na Fundación Igualarte. #obxectivo21demarzo.
  • No 2023/24 traballamos polo desarme no mundo conseguindo máis de 1000 accións pola paz e coñecemos a historiade Anna Frank. Colaboramos con Accem, Oxfam e Asociación Ucraínos en Galicia. #obxectivo5demarzo.
  • No 2024/25 acompañamos a persoas maiores aportando o noso gran de area para apoderar a vellez e acompañar evitando a soidade, o illamento e o idadismo. Conseguimos sumar máis de mil horas de acompañamento. Colaboramos con Crux Vermella, Centro de día Alendia e Asociación de Cachiball. #obxectivo15dexuño.

Así chegamos ao sétimo reto!

Este curso chega ao noso centro un mestre aventureiro e comprometido con facer do mundo un lugar mellor que decide unir a súa iniciativa “
Co mundo a voltas” aos nosos retos de convivencia, e desta unión nace o #obxectivo27defebreiro o mundo que queremos: 1000 ACCIÓNS POLO SÁHARA.


Unha viaxe de máis de 2000 km en bicicleta dende o noso pequeno centro, o CEIP Valle-Inclán ata os Campamentos Saharauís e de non ser posible, irá a súa lexítima terra: O SÁHARA OCCIDENTAL.

Buscamos conseguir entre todas as persoas que se queiran sumar mellorar un pouco a vida de nenos e nenas que viven nos campamentos de refuxiados saharauís, buscando concienciar ao alumnado dunha lacra social das sociedades contemporáneas, a CONFLITOS TERRITORIAIS e POLÍTICOS que acaban en guerras e dárlle valor á palabra REFUXIO.

Refuxio, segundo a RAG é o lugar onde un se abriga ou onde se esconde para evitar algún risco ou perigo. En sentido figurado: Axuda, alivio, consolo, protección etc. SINÓNIMOS abeiradoiro, abeiro, abrigadoiro, abrigo, acolleito, acubillo, amparo

Pois disto vai o reto, de facer que os campamentos de refuxiados saharauís, sexan un pouco menos hostís.

E como cada ano, para axudar a conseguir o noso reto buscamos colaborar con asociacións, ONG, etc.  Este curso cobran especial importancia SOGAPS (Solidariedade galega co Pobo Saharauí) e DISCAMINO, que se une doando a bicicleta coa que o mestre Cristian fará a viaxe, pero non descartamos que se poida sumar algunha máis.

A idea inicial é que as nenas e os nenos do Valle escriban cartas ás nenas e nenos saharauís contándolles os seus soños, e un pouco do seu día a día. Cristian levará as cartas aos campamentos en persoa, montado na súa bicicleta, e unha vez completada a misión, traerá de volta escritos os soños saharauís e así iniciamos a segunda parte do reto. 

Faremos recadación, carreiras solidarias, feiras e o que ao alumnado do Valle se lle ocorra, para conseguir o maior número de axuda humanitaria que nos pidan (material escolar, libros, medicamentos, comida, roupa… ou que faga falta).

PODEDES AMPLIAR OS VOSOS COÑECEMENTOS SOBRE O POBO SAHARAUI NOS SEGUINTES LIBROS:

 


Comentarios