#OBXECTIVO30DEXANEIRO. O MUNDO QUE QUEREMOS. RETO 1000 GRÚAS DE PAPEL

 Vigo, 20 de novembro de 2019. Día Internacional da Infancia

Prezados nenos e prezadas nenas do Valle-Inclán:

Este curso dende o Club de Convivencia propoñemos o seguinte reto:

“Elaborar mil grúas de papel para poder pedir un desexo de corazón.”

Para elo precisamos da vosa axuda. O Club de Convivencia e, todos e todas os que queiran colaborar, colocarán no cole e no barrio varias caixas para que quen o desexe poida deixar grúas de papel que logo recolleremos. Estas grúas poden ser de diferentes, cores e tamaños. Temos de prazo ata o 30 de xaneiro, Día Escolar da Non Violencia e a Paz.

Pero as grúas soas non teñen sentido. Necesitan un desexo de corazón que cumprir.

Por elo, entregarémosvos unha folla onde cada un de vós terá que escribir o seu desexo e o seu compromiso para conseguir o mundo que queremos.

#obxectivo30dexaneiro: O mundo que queremos.

Imos colocar unha caixa de correo dos desexos no cole, ao lado da porta de secretaría, e preto de Valle-Inclán. Alí deixaredes os vosos papeis cos vosos desexos para construír un mundo mellor.

O día da Paz escolleremos o que acompañará as nosas grúas a Xapón o 6 de agosto, data escollida por ser o día do bombardeo de Hiroshima, e para lembrar que estas barbaridades non se poden repetir.

Na web do cole tendes os enlaces ao vídeo de Sadako e as mil grúas de papel e un vídeo-titorial para aprender a facer as vosas grúas.

Ánimo que nos tocan moitas a cada un!!! Lembrade que entre todos faremos un mundo mellor. Porque como dixo Eduardo Galeano:

MOITA XENTE PEQUENA, EN LUGARES PEQUENOS, FACENDO COUSAS PEQUENAS, PODE CAMBIAR O MUNDO.



Comentarios