ODA Á PAZ E A QUEN A FAI POSIBLE
O mundo segue xirando e, sorprendentemente, nunca deixou de facelo.
Leva séculos e séculos xirando.
Viu imperios, guerras, descubrimentos, familias mudarse, escolas abrir
e pechar, cidades medrar e cambiar…
E mentres todo iso acontecía, todo sempre seguiu adiante.
Sabedes por que? Porque sempre hai alguén que se move.
As nais e os pais mobilízanse cada día:
para darnos una aperta cando caemos, para darnos de comer cando temos fame,
para lernos un conto, inda que estean cansos,
para acompañarnos ao médico ou axudarnos a durmir cando temos medo.
As nosas mestras mobilízanse para ensinarnos cousas novas,
para axudarnos cando non entendemos,
para animarnos cando cremos que non podemos,
para festexar connosco cada pequeno logro.
As amigas e os amigos mobilízanse para acompañarnos cando nos sentimos sós,
para secarnos as bágoas cando estamos tristes,
para compartir a súa merenda ou o seu sorriso,
para apoiarnos cando temos medo da vida,
de falar na clase ou nun xogo.
A xente que traballa no supermercado, as persoas que traballan en hospitais,
tendas ou granxas, as persoas que coseron a nosa roupa,
quen sementa a nosa comida…
todos e todas movéronse, deron un pouco de si mesmos,
pasaron á acción para que todo siga funcionando,
para que a vida siga adiante.
Polo que o mundo non xira só.
Xira grazas a quen se mobiliza,
a quen axuda aos demais,
a quen presta o seu tempo,
o seu esforzo e o seu corazón.
Xira grazas a quen comparte as súas cousas, axuda a quen o necesita
e fai pequenos xestos que, inda que non se vexan nin teñan aplausos,
cambian a vida de alguén.
Xira grazas a quen, cada día, sementa amor e tenrura:
coidando os parques e a natureza, apoiando a unha compañeira ou compañeiro,
coidando a unha irmá pequena, axudando a un veciño maior,
dando unha aperta a alguén que está triste ou ten medo.
Xira grazas a quen sementa paz: resolvendo un conflito entre amigos,
escoitando no canto de berrar, acollendo e respectando a tódalas persoas…
Hoxe, mentres corredes, pensade que non é só unha carreira.
Hoxe corredes para facer xirar o mundo:
cada paso, cada respiración, cada pinga de suor leva axuda e esperanza
a alguén que nunca terías coñecido nin tocado.
Porque a paz comeza na casa, na aula, coas amigas e os amigos…
pero móvese con nós ata os recunchos máis afastados do mundo.
Dar, moverse e coidar crea un fío que une a humanidade.
E, hoxe, mentres nosoutros damos e nos movemos,
o mundo xira máis xusto, máis humano e máis cheo de esperanza.
SAVE THE CHILDREN
Queres saber en que consisten os KM de solidariedade? Accede aquí.
Comentarios
Publicar un comentario