BUSCA DE PATROCINADORES PARA O RETO: 1000 ACCIÓNS POLO SÁHARA

 Asunto: 2.000 km, unha bicicleta e o soño de todo un colexio 


Estimados/as Sres./as:


Escríbimoslles dende o corazón dun colexio pequeno, o CEIP Valle-Inclán de Vigo. 


Somos unha comunidade que cre firmemente que non existen causas imposibles, senón corazóns que aínda non se uniron para logralas.


Hoxe poñémonos en contacto con vostedes para presentarlles un acto de amor e solidariedade que naceu nunha aula e cruzou mares e montañas. Recentemente, un dos nosos mestres, Cristian, percorreu máis de 2.000 km dende Vigo ata o Sahara Occidental sobre unha bicicleta doada por Discamino. Foi unha viaxe marcada pola dureza extrema e as inclemencias, onde cada pedalada ao subir o Atlas era un pulso contra o imposible. Aínda que as complexas fronteiras políticas só lle permitiron chegar ás portas da terra que lles pertence, a súa experiencia foi o camiño necesario para poder contar hoxe, en primeira persoa, como é a realidade daqueles que viven no deserto.

Nas súas alforxas, Cristian transportou a ilusión e esperanza do máis valioso que temos: as voces dos nosos nenos e nenas preguntando polos soños de quen agarda saber, na dureza do deserto, que non está só. Ese diálogo, que comezou no esforzo dun home só ante a montaña, completouse no mes de abril grazas a unha comisión de SOGAPS (Solidariedade Galega de Axuda ao Pobo Saharauí), que levou as misivas ata os campamentos de Tindouf. Hoxe, as respostas cargadas de ilusión que chegaron dende o deserto habitan na biblioteca do noso centro para que toda a comunidade poida ler que os seus soños e os nosos son os mesmos.


Para honrar esa valentía e dar resposta a eses soños, o vindeiro 24 de maio ás 11:00 da mañá, celebraremos unha Carreira Solidaria no Parque de Castrelos. Non será unha carreira común: a inscrición consistirá nunha doazón de material escolar para facelo chegar ao pobo saharauí.


Onde necesitamos o seu impulso?

Para que este evento sexa posible e a mensaxe de solidariedade dos nenos de Vigo chegue lonxe, necesitamos "colibrís" —patrocinadores— que nos axuden a cubrir os gastos de organización e loxística do día da carreira. Queremos salientar que os patrocinios ou doazóns de material escolar non teñen que rematar necesariamente coa carreira, senón que se poderán seguir realizando ata o final do curso escolar, que será cando fagamos as xestións para os envíos.


A súa achega económica será a que permita que toda a axuda material recollida chegue intacta ao seu destino.


A súa pegada no proxecto:

Como agradecemento, o logo da súa entidade terá un lugar destacado nas redes sociais do colexio e en todo o material que se produza en relación ao reto (cartelaría, comunicacións e elementos do evento).


Queremos que Vigo vexa quen axudou a facer posible este milagre. 


Para colaborar, poden enviarnos o seu logotipo ou calquera consulta ao correo: retosvalleinclan@yahoo.com


Sentímonos fráxiles ante a inmensidade das necesidades do deserto, pero estamos decididos a intentalo coa maior das humildades. Como dicía Galeano: "Moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, pode cambiar o mundo".

Convidámolos a sumarse como patrocinadores oficiais deste evento e a facer que esta viaxe, que comezou nunha bicicleta, culmine nunha marea de solidariedade o 24 de maio en Castrelos. 


Quedamos á súa disposición para facilitarlles calquera dato ou resolver calquera dúbida.


Coa esperanza de que esta aventura tamén os emocione, reciban un afectuoso saúdo.


Atentamente,

Club de Convivencia CEIP Valle-Inclán

#Obxectivo27deFebreiro: O mundo que queremos




Comentarios